III EDICIÓN / 28 Novembro 2014

Premiados Edición 2014

premiado galardón arenteira

DEPORTES

Cesáreo Rivera Pérez

FUTBOLISTA E EMPRESARIO

A súa ampla traxectoria deportiva dentro dunha modalidade tan popular como é a do balompé, levouno a acadar importantes éxitos profesionais na súa etapa de futbolista. Comezou a súa carreira deportiva no Carballiño nos equipos Juvenil, Mybe, Dandy e Sporting. Posteriormente, nunha traxectoria envexable, formou parte de C.D. Ourense dende 1958, para seguir a súa carreira deportiva no Sevilla, Celta de Vigo -onde estará un total de 7 anos, nos que conseguirá coa camiseta celeste vivir un período esplendoroso, que culmina coa participación daquela na Copa da UEFA- e da Selección Española. Home cunha traxectoria profesional impecable, deportista no máis amplo sentido da palabra, desfruta dunha ben gañada consideración social e aprezo.

premiado galardón arenteira

CULTURA

Carlos Varela García

ABOGADO

Ademais da súa longa dedicación e sólida formación no mundo do dereito, conta cunha longa traxectoria profesional e unha meritoria aportación e implicación persoal co mundo da cultura galega, especialmente no proceso de normalización lingüística no mundo da xustiza, onde é considerado un pioneiro como tal. Pero, sen dúbida, unha das maiores contribucións saídas da súa persoa son as numerosas aportacións de carácter técnico á linguaxe xurídica galega, cuestion moi valorada por lingüístas e profesionais do dereito. É membro da Fundación Premios da Crítica e pertence, tamén, ós Amigos do Couto Mixto, á Fundación Álvaro das Casas, asociación creada para promover o teatro e as artes escénicas, a educación no respeto e no amor ó medio ambiente, e o fomento do amor a Galicia entre a mocidade, sendo ademais vogal da Fundación Menela, entidade dedicada a persoas con problemas de autismo. Foi gañador do Premio Lois Peña Novo no ano 2001. Autor de numerosos artigos sobre a xustiza e a lingüa galega, sobre a empresa e o noso idioma e, tamén, autor da obra de ensaio Contos da Xustiza.

premiado galardón arenteira

TÍTULO PÓSTUMO

Olimpio Liste Regueiro

MESTRE, EDUCADOR E ETNÓGRAFO

Loitador incansable á hora de comprender que un importante anaco da historia de Galicia morría e, con el, moitas cousas que durante séculos acompañaron a vida cotiá dos seus habitantes: ferramentas, apeiros, enxoival, utensilios domésticos, etc. Olimpio Liste soubo e quixo recoller esas pequenas e grandes cousas antes de que cairan entulladas no esquecemento e nas gadoupas da couza e da podremia ata chegar a crear un museo en Oseira que, durante moitos anos, foi un faro para os amantes e especialistas desta materia, e público en xeral, un abrir ollos e camiños nunha situación moitas veces de inxustificada incomprensión, de tremenda valentía e dunha fonda dignidade mantida ata a súa morte. Logo Vigo abriulle as portas para o seu segundo museo que na actualidade segue a ser un referente.